O día 26 de novembro de 2016 fíxose a segunda viaxe á Riberira Sacra, na parte do Miño, nos concellos de Taboada e Chantada, coa que se rematou o ciclo, que contou como guía a membro da directiva Carolina Casal Chico. A primeira visita foi a igrexa románica de San Pedro de Bembibre, de fins do século XII, onde se puido admirar a arquitectura, restos de pinturas murais e o sepulcro monumental onde foi enterrado en 1681 Xoán Taboada Ribadeneira e Figueroa, primeiro conde de Taboada.
Despois pasamos a Santa María de Nogueira, cun miradoiro excelente da ribeira do Miño desde o cemiterio. Anque ten elementos barrocos,como a fachada principal e a torre, conserva a estrutura do corpo principal, coa porta sur, e a ábsida, chamando a atención os canzorros, así como unha anguía e un peixe e seis peixes que están labrados en dúas pezas da cornixa. O máis rechamante son as pinturas murais renacentistas do último terzo do século XVI que a modo de tapiz cobren as paredes laterais da nave central, que substituíron a outras anteriores, como se pode comprobar debaixo da representación de san Sebastián. Vanse a recuperar e restaurar as que hai na capela maior.
Rematada a visita trasladámonos a Belesar para visitar a viña e a adega de Mario Vázquez Carballo, onde se elabora o viño da variedade mencia "Ora et Labora". O deán da catedral de Lugo deu unha explicación sobre a contorna desde o punto de vista da produción vitivinícola e dos traballos que ao longo do ano se fan na súa viña, pasando despois a facer unha cata. Entregou aos asistentes unha separata do seu artigo "As raíces do viño: influencia do cristianismo na viticultura e na Ribeira Sacra". Pola súa parte LugoPatrimonio en agradecemento a súa hospitalidade agasallouno cun porta viático.
Pola tarde despois de xantar nunha casa rural da zona, visitamos a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, a obra emblemática desta zona tanto polo seu privilexiado emprazamento como pola súa arquitectura, sendo o mellor exemplo de igrexa da tipoloxía de Portomarín. Tamén admiraron o conxunto escultórico da Epifanía e a magnífica portada, seguindo a explicacións iconográficas que deu Carolina Casal.
Día 26 de novembro, sábado
Segunda viaxe á Ribeira Sacra
E teredes un presente...
Saída ás 8 horas
Visitas a Nogueira de Miño, Santa María, Ribas de Miño, Santo Estevo e á adega productora do viño Ora et labora, introdución sobre o viño no cristianismo polo propietario Mario Vázquez, explicación polo etnólogo da adega Roberto Regal e cata.
Os días 5 e 6 de novembro de 2016, LugoPatrimonio viaxou a Toro para ver a exposición Aqua de Las Edades del Hombre, visita guiada que fixeron pola mañá do primeiro día en dous grupos. Despois de xantar fixeron un percorrido pola cidade de María de Molina acompañado da guía Chiara, facendo un percorrido polas rúas máis importantes, a colexiata polo exterior, os mosteiros de Sancti Spiritus, co seu museo de arte sacra, e o de Santa Sofia, onde está a orde das premostratenses, coa igrexa de Santa María. Rematou cunha visita á igrexa mudéxar de San Lorenzo el Real onde estaban expostas pezas tan coñecidas como a celebre pintura de La Virgen de la Mosca.
O día 6 estivemos en Zamora comezando a visita pola Porta da Traición ou da Lealdade, o castelo pasando despois a visitar a catedral, e os magníficos tapices, facendo a continuación un percorrido pola Zamora románica, especialmente nas igrexas de San Pedro e San Ildefonso, onde están os restos de san Atilano compañeiro de San Froilán, e a da Magdalena onde se conserva un magnífico sepulcro anónimo que se relaciona coa obra do coro do mestre Mateo de Santiago de Compostela. Visitamos pola mañá o Museo de Zamora, xantando e las Aceñas de Pinilla no río Douro, e rematamos a viaxe cunha visita guiada ao Museo Etnográfico de Castilla y León, moi ben montado.
O día 11 de novembro, tivo lugar no Salón de actos da Deputación Provincial, a última conferencia do ciclo dedicado á Ribeira Sacra, que estivo a cargo de Sonia Fernández Pérez, investigadora da USC., Departamento de Historia da Arte. Baixo o titulo "Difusión artística do románico na Ribeira Sacra 2.0". A conferenciante foi presentada por Carolina Casal Chico, membro da xunta directiva da Asociación.
A convidada falou da orixe da corrente estilística e tipolóxica das igrexas románicas que tomando como modelo a de San Nicolau de Portomarín, os mestres do obradoiro de Santiago, difunden pola ribeira do Miño a partir do último terzo do século XII desde o foco da catedral de Ourense.
Día 11 de novembro, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Ciclo dedicado á Ribeira Sacra
Conferencia de Sonia Fernández Pérez Investigadora USC. "Difusión artística do románico na Ribeira Sacra 2.0".
De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 26 de novembro, á Ribeira Sacra e para a festa anual a celebrar na Casa de Láncara o 17 de decembro.
Día 11 de novembro, venres
Entre as 19 e 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Anotacións para a viaxe do día 26 de novembro, á Ribeira Sacra e para a festa anual a celebrar na Casa de Láncara o 17 de decembro.
VIAXE A TORO E ZAMORA
Día 5, sábado
Saída ás 7,30 horas
Visita guiada á exposición de Las Edades del Hombre, xantar e percorrido polo recinto histórico e monumentos máis destacados de Toro.
Día 6, domingo
9,30 horas
Visita guiada polo casco histórico, Catedral e museo, Museo de Zamora e Museo Etnográfico de Castilla y León.
O día 17 de outubro no Salón de actos da Deputación Provincial tivo lugar unha nova conferencia do ciclo dedicado á Ribeira Sacra, "Talleres mateanos na Ribeira Sacra" que foi pronunciada por Ramón Yzquierdo Perrín Catedrático de Historia da Arte Universidade da Coruña. Foi presentado por Carolina Casal Chico que ademais de dar a coñecer o seu traballo investigador mostrou a súa admiración polo traballo do profesor o cal na súa disertación centrouse nas igrexas da ribeira do Miño, comezando por la de San Nicolau de Portomarín, que serviu de modelo para as de Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi e outras de menor entidade, sendo a primeira a que máis influenzas amosa de mostre Mateo, tanto desde o punto de vista arquitectónico como da decoración dos elementos que conforman as columnas e as portadas.
Día 17 de outubro, luns
ás 20,30 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Ciclo dedicado á Ribeira Sacra
Conferencia de Ramón Yzquierdo Perrín, catedrático de Historia da Arte UDC, "Talleres mateanos na Ribeira Sacra".
O día 14 de outubro de 2016, tivo lugar no salón de actos da Deputación Provincial unha "Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando" que foi aberta por Adolfo de Abel Vilela, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e Pilar García Porto, delegada da área de Cultura, Patrimonio Histórico e Artístico e Deseño e Artesanía da Deputación Provincial de Lugo. Tanto a alcaldesa como a deputada comprometéronse para conseguir a colaboracións das dúas institucións e conseguir a rehabilitación por fases do edificio así como a facer as xestións necesarias para que a Xunta de Galicia asuma o seu compromiso de crear o Museo da Romanización.
A continuación Adolfo de Abel Vilela, que foi presentado por Julia Cantalapiedra Álvarez, pronunciou unha conferencia sobre a historia do edificio sinalando que O chamado Cuartel de San Fernando foi un dos tres hospitais de inhábiles que houbo en España e que mandou facer Carlos III para que servisen de lugar de retiro aos inválidos do exército, construído con cartos da provincia entre 1779 e 1790. O 28 de maio de 1761, os Inhábiles quedan organizados en vinteseis compañías: oito en Sevilla, sete en Lugo, tres en Toro e oito en San Felipe (Valencia).
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.